FEDERACION ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS Y PROVINCIAS

A FEMP reclama un grande acordo de Estado para impulsar a reactivación económica e o emprego


A FEMP quere que os Gobernos Locais estean presentes na mesa de diálogo e negociación entre o Goberno e as Comunidades Autónomas, para abordar a reforma das políticas activas de emprego, e reclama un gran pacto nacional para reactivar a economía. Este acordo foi adoptado por unanimidade e quedou plasmado nunha resolución aprobada pola Comisión Executiva da Federación. Ademais, aprobou unha moción sobre o Sahara Occidental na que, entre outras cuestións, pide mecanismos de control dos dereitos humanos neste territorio.



A resolución esixe ao Goberno, ás Comunidades Autónomas, aos partidos políticos e as organizacións de empresarios e sindicatos, o compromiso e a responsabilidade de favorecer, xunto cos Gobernos Locais, un grande Acordo de Estado para impulsar e desenvolver as medidas necesarias para lograr a reactivación económica, a creación de emprego e evitar riscos financeiros, xuntando esforzos co obxectivo común de xerar a necesaria confianza cidadá e favorecer a estabilización dos mercados.

Do mesmo modo, pide a participación dos Gobernos Locais, a través da FEMP, no marco de diálogo e negociación entre o Goberno e as Comunidades Autónomas para abordar con carácter urxente a reforma das políticas activas de emprego.

O Presidente da FEMP, Pedro Castro, sinalou ao termo da reunión da Comisión Executiva que o acordo vén a dicir a todas as partes implicadas que "chegou a hora da xenerosidade política", que nos deixemos de polémicas e que traballemos na mesma dirección, solidariamente, para superar os momentos difíciles que atravesa a economía española". Neste sentido, reiterou, unha vez máis, o firme compromiso dos Gobernos Locais de "apoiar e contribuír, dende a lealdade e a responsabilidade que sempre acreditamos, á aplicación das medidas e os acordos conxuntos no ámbito dos municipios, provincias e illas,".


O texto da resolución sinala que a dureza da crise económica reclama unha resposta conxunta, sen que se vexa afectada a calidade dos servizos públicos básicos nin os dereitos dos cidadáns. Ao mesmo tempo, alerta de que a evolución da situación financeira e a presión dos mercados provocan regos de inestabilidade que poden afectar á confianza na nosa capacidade como país para superar os problemas económicos e financeiros derivados da crise.

Tamén recorda que o Goberno de España e os dos países do noso ámbito adoptaron medidas para afrontar estes riscos, e que en moitos casos estas medidas contaron con amplo referendo institucional e co apoio das forzas políticas máis representativas materializado, en acordos parlamentarios e na manifestación pública de posicións políticas inequívocas.

A FEMP constata de novo o apoio responsable dos Gobernos Locais ás medidas que puxo en marcha o Goberno para a redución do déficit público, "con criterios de austeridade e de rigor presupostario, que non impediron manter o mesmo nivel de calidade dos servizos públicos básicos", e afirma que esta é a mellor forma de apoiar as reformas emprendidas en prol de novo modelo produtivo, baseado na innovación, a sostibilidade económica e ambiental e na cohesión social.

Moción sobre o Sahara Occidental

A FEMP mostra a súa máis profunda preocupación pola notable deterioración da situación no Sahara Occidental e condena con firmeza os violentos incidentes que se produciron no campamento de Agdaym Izik, cando estaba a ser desmantelado, e na cidade Del aaiún.
Este é o primeiro parágrafo dunha moción, acordada tamén por unanimidade, na que os representantes dos Gobernos Locais españois lamentan a perda de vidas humanas e expresan a súa solidariedade coas familias das vítimas, dos feridos e dos desaparecidos.


Noutro punto, a FEMP declara a necesidade de pedir aos órganos da Naciones Unidas que propoñan o establecemento dun mecanismo de control dos dereitos humanos no Sahara Occidental, e que se facilite a información suficiente para que poida levarse a cabo unha investigación independente baixo o auspicio de Nacións Unidas.
O texto inclúe unha demanda, que se amplíe o mandato da misión da ONU no Sahara Occidental, a MINURSO, e unha chamada as partes para que manteñan a calma e se absteñan de levar a cabo calquera novo acto de violencia" e para que a solución do conflito supoña un paso esencial para a construción dun Magreb aberto e democrático.
Por outro lado, lamenta "os ataques contra a liberdade de prensa e de información que sufriron numerosos xornalistas europeos", e pide a Marrocos que permita o libre acceso da prensa, os observadores independentes e as organizacións humanitarias.

A FEMP remitirá este acordo ao Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación e á Embaixada de Marrocos en España.

Día do Voluntariado

Con motivo da celebración o próximo 5 de decembro do Día Internacional do Voluntariado, declarado pola Asemblea das Nacións Unidas, a FEMP realizou un chamamento a todos os Concellos españois para que expresen publicamente o compromiso dos Gobernos Locais coa solidariedade e manifesten o seu apoio ao labor dos voluntarios e voluntarias.


A moción aprobada pola Executiva da FEMP, que será distribuída a todos os Concellos, convoca os cidadáns de cada municipio a que participen nas actividades previstas ese día e, por extensión, en todas as que se convoquen durante 2011, Ano Europeo do Voluntariado.

Cemiterios e servizo de crematorio

A FEMP tamén aprobou dous regulamentos tipo para que os Concellos dispoñan de criterios de regulación dos servizos municipais de cemiterios e de crematorios.

Ambas as dúas propostas desenvolven os principios da prestación do servizo, a súa dirección e xestión, os dereitos dos consumidores e usuarios, as reclamacións, a saúde laboral e a formación profesional, a solicitude dos servizos e o ámbito hixiénico sanitarios e as tarifas da prestación do servizo. No caso dos crematorios, o modelo de regulamento considera aspectos específicos como a situación da instalación, a celebración de ritos sociais e relixiosos ou o depósito de cinzas.

Convenios

Noutra orde de cousas, a Executiva deu o visto e prace ao contido de varios convenios de colaboración, entre os que destaca o que se asinará co Ministerio de Política Territorial e Administración Pública, en materia de redución de cargas administrativas nas Entidades Locais, e co IDAE para a promoción do vehículo eléctrico nos municipios españois.

Documentos relacionados_gl

Documentos relacionados_gl

Nota

(0.0Kb)