Pedro Castro agradece aos Alcaldes o seu esforzo en 2010 por manter os servizos sociais básicos
O Presidente da FEMP, Pedro Castro, afirmou sentirse orgulloso dos Alcaldes e Alcaldesas españois porque foron capaces de superar as dificultades económicas polas que atravesan os Concellos, sen que iso supuxese unha mingua dos servizos sociais básicos que prestan aos cidadáns. Con estas declaracións, realizadas ao termo da reunión da Comisión Executiva da Federación coa que se pecha 2010, quixo agradecer o esforzo dos rexedores municipais, "nun ano especialmente difícil para os municipios".
Do mesmo modo, declarou que espera que o Goberno informe pronto á FEMP do contido da nova Lei de Goberno Local porque, segundo manifestou, "queremos discutir este documento antes de que sexa aprobado polo Consello de Ministros". Para iso, manifestou a súa intención de invitar o Vicepresidente Terceiro do Goberno e Ministro de Política Territorial, Manuel Chaves, a que acuda á sede desta Federación para explicar os detalles do anteproxecto.
A Comisión Executiva da FEMP, na súa última sesión do ano, aprobou o contido de varios convenios de colaboración, na súa maioría en materia de cooperación ao desenvolvemento, e unha declaración con motivo do Día Internacional das Persoas Emigrantes, que se celebra este sábado, 18 de decembro.
A FEMP asinará co Instituto da Muller un convenio de colaboración para a realización de programas e actividades en materia de igualdade que, entre outras actuacións, prevé a constitución dun Laboratorio de experiencias para o desenvolvemento de políticas activas de emprego para a muller.
Ademais deste convenio, a FEMP asinará outro acordo de colaboración coa Secretaría de Estado de Cooperación Internacional co fin de dar continuidade ás actividades conxuntas de ambas as dúas entidades e, en concreto, regular a execución do Plan Operativo Bienal 2011 -2012, no que se encontra incluído o Programa MUNICIPIA.
Tamén en materia de cooperación, a FEMP traballará xunto coa Federación Latinoamericana de Cidades, Municipios e Asociacións de Gobernos Locais (FLACMA) para facilitar o desenvolvemento de Haití a través do fortalecemento da estrutura municipal deste país, mediante a formación de cargos electos e técnicos.
Do mesmo modo, outros convenios coa Federación de Asociacións Municipais de Bolivia (FAM - Bolivia) e coa Organización Paraguaia de Cooperación Intermunicipal (OPACI) facilitarán a realización de actuacións nestes países, no marco do Programa MUNICIPIA.
Gobernos Locais pola integración
Con motivo da celebración do Día Internacional das Persoas Emigrantes, o próximo 18 de decembro, a FEMP aprobou unha declaración na que insta aos Concellos, Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares, a reforzar todas as accións que xa veñen desenvolvendo a favor da integración e a cohesión social.
Co compromiso de seguir traballando contra todo tipo de discriminación, a FEMP pide que os municipios intensifiquen o labor de sensibilización especialmente nos temas de xénero, cidadanía nova, convivencia veciñal e uso dos espazos públicos. Así mesmo, pon de manifesto "a responsabilidade de todos" de seguir traballando na busca de fórmulas que leven a unha "auténtica integración plural da diversidade", garantindo a máxima convivencia e cohesión social na sociedade de acollida.
Tarxeta vermella ao maltratador
Unha vez finalizada a reunión, os membros da Comisión Executiva da FEMP posaron para sacar a "tarxeta vermella ao maltratador", uníndose desta forma á campaña impulsada polo Goberno contra a violencia de xénero.