FEDERACION ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS Y PROVINCIAS

A FEMP recomenda flexibilidade nos requisitos para a instalación de terrazas na vía pública


A FEMP recomendará aos Concellos que revisen as súas ordenanzas para permitir un maior desenvolvemento da actividade de terrazas de bares e restaurantes na vía pública. En concreto, aconsella que flexibilicen os requisitos para o seu establecemento, no que concirne aos períodos de tempo, espazos, modalidades de ocupación e normas sobre o mobiliario e outros elementos. A Comisión Executiva da FEMP aprobou tamén, na reunión celebrada en Vitoria, as emendas ao Anteproxecto de Regulamento da Lei de Estranxeiría.



A resolución sobre terrazas e veladores, aprobada co respaldo de todos os grupos políticos, sinala que tamén se teñan en conta os trámites administrativos, procurando a súa simplificación e valorando a posibilidade de incorporar os novos mecanismos de control previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

No texto da proposta, a FEMP argumenta que a crise económica e, sobre todo, a entrada en vigor da "Lei Antitabac" centrou a atención nas terrazas como alternativa para paliar a situación económica das actividades hostaleiras e que algúns Concellos xa empezaron a tomar medidas para dar resposta a esta nova realidade, facilitando a tramitación administrativa e favorecendo a actividade económica no seu municipio.

Non obstante, tamén advirte que o obxectivo das ordenanzas municipais debe ser conciliar o desenvolvemento dunha actividade económica co dereito de todos os cidadáns ao desfrute e tránsito dos usuarios da vía pública, así como o dereito ao ocio dos cidadáns co dereito ao descanso dos veciños do ámbito e ao desfrute dun medio axeitado.


Normativa hipotecaria

A FEMP pedirá ao Goberno e aos Grupos Parlamentarios que analicen as modificacións normativas oportunas para que os procesos legais de execucións hipotecarias poidan resolverse coa entrega do inmoble e, desta forma, quede saldada a débeda na súa integridade.

Con esta iniciativa, adoptada nunha resolución aprobada por unanimidade, a Executiva mostra o apoio das Entidades Locais españolas ás persoas e familias que, pola actual situación de crise, se enfrontan á perda da súa vivenda tras un proceso de execución hipotecaria.

A FEMP considera que o ámbito municipal debe implicarse na busca de solucións a esta situación, porque é a Administración máis próxima aos problemas diarios e inmediatos da xente e a primeira á que acoden aqueles veciños en situacións de necesidade. Por iso, pide que se modifique a lexislación actual e alude á sentenza da Audiencia Provincial de Navarra, do 17 de decembro, que admitiu a entrega de chaves dun piso para saldar a débeda.

Regulamento estranxeiría

A Comisión Executiva tamén deu o visto e prace á proposta de emendas ao Anteproxecto de Regulamento da Lei de Estranxeiría, cuxo contido foi adiantado ao Presidente da FEMP nunha recente reunión coa Secretaria de Estado de Inmigración e Emigración, Anna Terrón. O texto do Anteproxecto encóntrase nestes momentos en período de información pública e as achegas e alegacións presentadas serán estudadas no seo da Conferencia Sectorial prevista para hoxe, 22 de febreiro, no Ministerio de Traballo.

Gastos locais nas políticas de emprego

Os Gobernos Locais destinaron en 2009 un total de 572,5 millóns de euros, un 0,8% dos seus presupostos, a políticas activas de emprego, malia que o gasto total municipal ese ano foi un punto inferior ao do ano 2008 e a que as competencias sobre emprego non corresponden á Administración Local.


A implantación de Políticas Activas de Emprego (PAE) estendeuse e consolidou de xeito significativo entre os Gobernos Locais con máis de 500 habitantes, segundo un informe elaborado pola FEMP, en colaboración co Ministerio de Traballo e Inmigración, para coñecer a participación local nas medidas orientadas a un mellor funcionamento do mercado de traballo.

Segundo este informe, do que tivo coñecemento a Executiva da FEMP, o 83% dos municipios de máis de 500 habitantes conta con servizos estabilizados de emprego e un 90% realizou algún tipo de gasto destinado a estas políticas.

Estas cifras representan, tal e como subliña o estudo, "un esforzo moi considerable, tendo en conta que se trata dun ámbito competencial cuxa titularidade corresponde a outras Administracións, é dicir, que se trata dun gasto non obrigatorio para as Corporacións Locais". Do mesmo modo, destaca que este esforzo en aínda máis importante en canto que a partir de 2008, a crise da construción ten un impacto negativo crecente sobre as arcas municipais.

O estudo pon de manifesto, ademais, que entre 2008 e 2009 o conxunto de Administracións Locais xestionaron en 2009 uns recursos próximos aos 1.900 millóns de euros, sumadas as achegas doutras Administracións para este fin, dos cales os Concellos administraron un 84%, as Deputacións case o 15% e os Cabidos Insulares preto do 2%.

Convenio coa Axencia Tributaria

Por outra parte, a FEMP e a Axencia Tributaria asinarán proximamente un convenio de colaboración para a recadación de tributos locais. O acordo propiciará, entre outros puntos, que a Axencia asuma a xestión recadatoria executiva dos recursos de dereito público de natureza tributaria cuxo importe non sexa inferior a 60 euros, así como os recursos de dereito público non tributario superiores a 1.500 euros.


Coa firma deste acordo os Concellos poderán enviar á Axencia Tributaria débedas en fase de prema sobre as que se tivesen realizado actuacións tendentes ao cobramento, o que non acontecía con anterioridade. As Entidades Locais poderán seguir utilizando os seus servizos de recadación e, só cando esgotasen os seus recursos ou tivesen que realizar actuacións fóra do seu termo municipal, poderán enviar o listado de débedas á Axencia Tributaria para o seu cobramento. O convenio introduce tamén a novidade de posibilitar que a Axencia Tributaria se faga cargo das débedas de dereito público de natureza non tributaria.

Outros convenios

A Comisión Executiva deu o visto e prace ao contido doutros convenios, como o que se asinará co IDAE para a promoción do vehículo eléctrico nos municipios españois; coa Confederación Estatal de Asociacións Veciñais (CEAV); co Instituto da Xuventude para o desenvolvemento de actuacións no ámbito local; co Consello Superior de Deportes; e coa Asociación Nacional de Voluntarios de Protección Civil (ANAV).

Documentos relacionados_gl

Documentos relacionados_gl

Nota

(0.0Kb)