Pedro Castro reafirma en Lugo o papel local na prevención e tratamento de drogodependencias
O Presidente da FEMP, Pedro Castro, reivindicou o papel dos Gobernos Locais tanto na posta en marcha de políticas de prevención de drogodependencias como en atención ás persoas afectadas e ás súas familias; así o manifestou no acto de apertura do Cumio de Alcaldes, Alcaldesas e Cidades sobre Drogas Europa, América Latina e o Caribe, que dende hoxe e ata o próximo 23 se celebra en Lugo.
Máis de 200 persoas que representan a corenta cidades de máis de trinta países constitúen o aforamento deste Cumio, que se celebra no marco do Semestre de Presidencia española da UE, co obxectivo de analizar as experiencias, actuacións e políticas que, en materia de drogodependencias, emprenden os Gobernos Locais e os seus responsables a ambos os dous lados do Atlántico.
No acto de apertura, presidido polo Alcalde da cidade anfitriona, José Clemente López Orozco, interviñeron, ademais de Pedro Castro, a Delegada do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, Carmen Moya; o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; ou o Embaixador en misión especial para Coordinación de Asuntos Iberoamericanos, do Ministerio de Asuntos Exteriores, entre outros participantes.
Protagonismo dos Gobernos Locais
Sobre o papel dos Concellos, Pedro Castro referiuse ás contribucións que estes viñeron achegando á prevención e tratamento de drogodependencias, unhas contribucións que se concretan na articulación de respostas eficaces ante o problema das drogodependencias "dende a nosa posición privilexiada de proximidade á realidade", e que o Presidente da FEMP resumiu sinalando que "un animador social na rúa é un policía menos no futuro".
As políticas de integración social, de prevención ou de promoción de alternativas de ocio saudable para mozos e grupos vulnerables, son algunhas das actuacións dos Gobernos Locais. Ademais, e no marco do Plan Nacional sobre Drogas, a través do Convenio subscrito coa Delegación de Goberno para o devandito Plan, a FEMP e os Gobernos Locais permitiron canalizar e coordinar programas e proxectos, e poñer en marcha iniciativas de interese, entre elas, a convocatoria bianual de "Boas prácticas en drogodependencias" ou a Base de datos de plans municipais de Drogodependencias.
A Delegada do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, Carmen Moya, coincidiu con Pedro Castro en destacar a relevancia municipal nas actuacións de prevención, tratamento e integración de drogodependentes, e mostrou a súa satisfacción polo feito de que xa sexa 200 os municipios que contan cun plan sobre drogas, especialmente porque neses municipios reside máis do 50% da poboación.
Entre os asistentes, numerosos Alcaldes de España e Iberoamérica, algúns dos cales tamén teñen prevista a súa intervención nas mesas do Foro, como a Alcaldesa de Gijón, Paz Fernández Felgueroso.