Recta final para os municipios que aspiran ao distintivo Cidade da Ciencia e a Innovación
O próximo 31 de outubro péchase o prazo para presentar as candidaturas para a obtención do distintivo "Cidade da Ciencia e a Innovación". Con este distintivo, o Ministerio de Ciencia e Innovación vai recoñecer e prestigiar aqueles Concellos que, con independencia do seu tamaño, están a realizar un importante esforzo no ámbito da innovación, contribuíndo dende a esfera local ao cambio de modelo produtivo.
Consideraranse tres categorías para que poida recoñecerse o esforzo innovador con independencia do tamaño e premiarase a 10 municipios por categoría:
- Concellos ata 20.000 habitantes
- Concellos de 20.001 a 100.000 habitantes
- Concellos de máis de 100.000 habitantes
Os proxectos de innovación que se consideran para esta distinción, son dende os parques empresariais, parques científicos e tecnolóxicos, centros de coñecemento e viveiros de empresa, os destinados a mellorar a economía verde, a promover a innovación na economía da saúde e asistencial, a modernización da administración municipal, os centros de cultura e divulgación científica-tecnolóxica, etc...
Concretamente, na convocatoria de 2010, o Ministerio de Ciencia e Innovación concederá a distinción "Cidade da Ciencia e a Innovación", a aqueles concellos que demostrasen un maior compromiso en proxectos innovadores con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local. Neste sentido, os investimentos realizados polos concellos en materia de innovación con cargo a este Fondo xestionado polo Ministerio de Política Territorial, alcanzaron os 916M€ distribuídos nun total de máis de 7.650 proxectos (30,1% do total de proxectos).
Rede de "Cidades da Ciencia e a Innovación" (rede INNPULSO)
Aqueles concellos que consigan este distintivo formarán parte da "Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación" (rede INNPULSO), -segundo o acordado o pasado día 8 de outubro en Consello de Ministros-, onde se potenciará a relación entre os concellos e a realización de proxectos de colaboración.
Formar parte desta rede levará consigo unha serie de beneficios no marco das políticas de I+D+i e de desenvolvemento local
a) Autorización para o uso da distinción na comunicación e promoción da cidade, tanto a nivel nacional e internacional.
b) Fomento e impulso de proxectos colaboradores entre os municipios que se integren na Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación.
c) Integración da Rede como entidade de referencia dentro do Grupo de traballo MICINN-MITYC sobre turismo científico.
d) Promoción internacional das Cidades da Ciencia e a Innovación en eventos internacionais relacionados con I+D+i e o desenvolvemento baseado no coñecemento.
e) Consideración preferente destas cidades para a situación de instalacións científicas e tecnolóxicas de titularidade ou participación estatal, así como para situar nodos da rede do MICINN de Puntos de Información sobre I+D+i, (rede PIDI).
f) Priorización destas cidades como lugares preferentes para organizar as reunións do departamento coas Comunidades Autónomas e outros axentes do sistema de I+D, así como para a celebración de congresos e seminarios dos seus Organismos Públicos de Investigación.
Máis información en: http://www.innpulso.es ou na web do MICINN: www.micinn.es