FEDERACION ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS Y PROVINCIAS

Facilidades para remitir informes ás Oficinas de Estranxeiría


A plataforma informática Portal EELL (Portal das Entidades Locais), do Ministerio de Política Territorial e Administración Pública dispoñerá unha nova funcionalidade destinada a facilitar aos Gobernos Locais a remisión por vía telemática ás Oficinas de Estranxeiría dos informes sobre arraigamento e sobre disposición de vivenda axeitada do cidadán estranxeiro.



Estes informes, que forman parte da documentación que ha de achegarse en diferentes procedementos de tramitación de residencia para cidadáns estranxeiros, deberán ser emitidos polo Goberno Local se así o determina a Comunidade Autónoma correspondente (Regulamento da Lei Orgánica 4/2000, sobre Dereitos e Liberdades dos Estranxeiros en España e a súa Integración Social). De feito, salvo os municipios de Cataluña, Canarias, Extremadura e as Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla, todos os municipios españois son, a indicación dos seus respectivos Gobernos Rexionais, competentes para emitir os devanditos informes.

En canto á remisión destes, o Regulamento establece que ha de realizarse por medios electrónicos ás Oficinas de Estranxeiría nun prazo de 30 días dende o momento da solicitude de residencia por parte do cidadán estranxeiro. Con esta nova utilidade que estará dispoñible no Portal de Entidades Locais, ao que se pode acceder dende a web www.mpt.gob.es, búscase axilizar o proceso de remisión e dar cumprimento á previsión do Regulamento.

No Portal de Entidades Locais encontrarase toda a información sobre o acceso e utilización da nova funcionalidade; na web do Ministerio de Traballo e Inmigración (extranjeros.mtin.es) prevese incorporar en breve información detallada sobre os informes.

A Dirección Xeral de Inmigración e a Dirección Xeral de Cooperación Local enviarán nestes días un escrito a todas as Corporacións Locais competentes para a emisión de informes comunicándolles todos estes pormenores.