FEDERACION ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS Y PROVINCIAS

A FEMP pide unha maior presenza local no deseño das políticas activas de emprego


O Presidente da FEMP, Pedro Castro, ofreceu ao Ministro de Traballo e Inmigración, Valeriano Gómez, a colaboración dos Gobernos Locais para o desenvolvemento das políticas activas de emprego e pediulle, durante o encontro que mantiveron ambos os dous na sede do Ministerio, que o Goberno propicie un maior protagonismo dos Concellos á hora de planificar e executar estas políticas.




Na reunión, celebrada na tarde do xoves, Pedro Castro trasladou a Valeriano Gómez a necesidade de que todas as partes implicadas, administracións, empresarios, sindicatos e outros axentes sociais e económicos, se senten na mesma mesa e poñan en común as propostas que sirvan para dar forma ás políticas de reactivación económica e creación de emprego en cada territorio

A xuízo do Presidente da FEMP, "merece a pena" que as distintas administracións e os axentes sociais e económicos cheguen a acordos e "ordenen" o investimento nos diferentes territorios, e o mellor sitio para logralo é o escenario municipal. O Alcalde de Getafe fixo fincapé en que as políticas activas de emprego deben considerar uns plans de formación axustados ás necesidades e demandas profesionais e empresariais deses territorios, e que para iso é fundamental o concurso e as achegas dos Concellos.

O Ministro de Traballo e Inmigración estivo acompañado pola Secretaria de Estado de Emprego, María Luz Rodríguez, quen informou ao Presidente da FEMP da intención do Goberno de modificar o esquema das políticas activas de emprego; unha reforma que, segundo explicaron, deixará en mans das Comunidades Autónomas e dos Gobernos Locais estas políticas e que dará unha maior "liberdade e flexibilidade" a ambas as dúas administracións para que poidan definilas e deseñalas. "As políticas activas de emprego serán as que acorden os Concellos e as Comunidades Autónomas", sinalaron.