FEDERACION ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS Y PROVINCIAS

A FEMP, no 25 Aniversario do Plan Nacional sobre Drogas


O Vicepresidente Primeiro do Goberno e Ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, e a Ministra de Sanidade, Política Social e Igualdade, Leire Pajín, presidiron o acto conmemorativo do 25 aniversario da creación do Plan Nacional sobre Drogas, que contou coa presenza de representantes da FEMP, entre eles a Secretaria Xeral desta Federación, Isaura Leal



A presenza da FEMP simboliza o papel relevante que os Gobernos Locais españois están desempeñando na posta en marcha de políticas de prevención de drogodependencias e na atención ás persoas afectadas, en colaboración co Goberno central a través do Plan Nacional de Drogas. No acto tamén participaron varios Alcaldes, como o de Lugo, José Clemente Pérez Orozco, e a Alcaldesa de Gijón, Paz Fernández Felgueroso, entre outros.

Precisamente, a Ministra de Sanidade, Política Social e Igualdade, Leire Pajín, afirmou que o Plan Nacional sobre Drogas "funcionou" porque, entre outras cousas, o noso país conta con profesionais de excelente formación e cunha boa rede asistencial, que creceu grazas á implicación das Comunidades Autónomas e Concellos, con preto de 500 centros ambulatorios, 50 unidades de desintoxicación hospitalaria e 130 comunidades terapéuticas.

Alfredo Pérez Rubalcaba, pola súa banda, destacou o descenso no número de casos de mortes por causa das drogas contabilizados polas Forzas e Corpos de Seguridade, que indican que nos últimos dez anos o número de falecidos baixou de 302 a 9. En 1984, un ano antes de que se aprobase o Plan, os datos policiais reflectían 174 persoas mortas por heroína, mentres que os do ano pasado dan a cifra de seis.

As políticas de integración social, de prevención ou de promoción de alternativas de ocio saudable para mozos e grupos vulnerables, son algunhas das actuacións levadas a cabo polos Concellos e outras Entidades Locais. Ademais, e no marco do Plan Nacional sobre Drogas, a través do Convenio subscrito coa Delegación de Goberno para o devandito Plan, a FEMP e os Gobernos Locais permitiron canalizar e coordinar programas e proxectos, e poñer en marcha iniciativas de interese, entre elas, a convocatoria bianual de "Boas prácticas en drogodependencias" ou a Base de datos de plans municipais de Drogodependencias.