Convocados os Premios María Moliner de Animación á Lectura
O próximo 6 de agosto péchase o prazo para que os municipios menores de 50.000 habitantes presenten os seus proxectos de animación á lectura no marco da campaña de Premios María Moliner, que convocan o Ministerio de Cultura, a FEMP e a Fundación Coca Cola Juan Manuel Sáinz de Vicuña.
Estes premios, que se veñen convocando dende 1998, teñen como obxectivo recoñecer as iniciativas desenvolvidas polos Concellos nas súas bibliotecas de cara a promover a lectura entre todos os colectivos sociais, especialmente, nenos e mozos.
Na edición de 2010 premiarase un total de 300 bibliotecas, que recibirán lotes de 200 libros infantís e xuvenís, seleccionados entre as novidades de cada ano. Ademais, considéranse premios de 12.000 euros en metálico para o mellor proxecto de cada unha das tres categorías fixadas en función de cada tramo de poboación -mellor proxecto en municipios de menos de 5.000 habitantes, mellor proxecto en municipios de entre 5.001 e 20.000 habitantes e mellor proxecto a municipios de entre 20.001 e 50.000 habitantes-.
Para determinar cales son os mellores proxectos, valorarase a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca, o esforzo realizado por esta en función dos seus recursos dispoñibles, os proxectos de extensión bibliotecaria, a colaboración con centros educativos e outras entidades cos diferentes axentes culturais dos municipios, os proxectos que fomenten a convivencia intercultural, e o desenvolvemento tecnolóxico.
As bases da convocatoria están dispoñibles na sección convocatorias desta mesma web e tamén na web do Ministerio de Cultura.