O convenio tamén inclúe traballar no estudo e difusión de políticas de calidade e boas prácticas, na formación de empregados públicos en materias relacionadas coa creación e xestión de áreas empresariais, ou o deseño de espazos virtuais, como sitios de Internet e demais ferramentas da sociedade da información.
No que respecta ao chan industrial, o traballo estará centrado na planificación, xestión, rehabilitación ou recualificación, pero ademais en todo o concernente ás políticas ambientais e de eficiencia enerxética, a innovación ou a implantación de sistemas de información comúns.
En materia social, CEPE e a FEMP fomentarán no ámbito de aplicación do seu acordo as políticas de igualdade, de redución de violencia de xénero, de integración de persoas con minusvalidez, a eliminación de barreiras arquitectónicas ou a conciliación da vida familiar nas áreas empresariais.
O Presidente da FEMP, Pedro Castro, explicou tras a firma que este acordo dá continuidade á cooperación que ambas as dúas entidades manteñen dende hai tempo, aínda que nestes momentos ten moito máis sentido e transcendencia porque do que se trata é de xuntar esforzos para a creación de emprego e riqueza e para saír reforzados da crise.