Os voceiros políticos afirman a representatividade da FEMP e a unidade de acción para defender os intereses dos Gobernos Locais
Os voceiros dos grupos políticos que integran a FEMP coincidiron en reivindicar o papel institucional da Federación, como interlocutor ante o Estado e as Comunidades Autónomas, e pediron unidade de acción para conseguir un novo Estatuto para os Gobernos Locais e un novo sistema de financiamento. Todos eles, ademais, recoñeceron o labor que leva a cabo de cara aos seus asociados e suxeriron melloras no seu funcionamento.
No debate participaron os representantes do PSOE, Ramón Ropero, do PP, Luis Partida, de IU, Andrés Ocaña, e de CiU, Lluis Guinó, todos eles membros da Comisión Executiva da FEMP.
A articulación das relacións coas Comunidades Autónomas sería, a xuízo do Alcalde de Besalú, Lluis Guinó, un dos traballos que tería que realizar a FEMP nun futuro inmediato, así como outorgar maior atención aos problemas dos pequenos municipios na súa actividade e obxectivos estratéxicos. Sobre o primeiro punto, destacou que o papel da FEMP está moi vinculado ao que representen os municipios dentro do Estado e que o futuro pasa polo traballo en rede.
O representante de CiU fixo na súa intervención un recoñecemento público ao traballo que desenvolvo a FEMP, afirmando que dende a súa posición como integrante dun partido nacionalista "aceptamos a nosa representatividade na Federación".
Guinó tamén se referiu á posible implantación da ecotaxa por parte dos Concellos, sinalando que este tipo de cuestións son as que deben ter un espazo de estudo e análise dentro da FEMP, para que poidan ser explicadas ao cidadán.
O representante de Esquerda Unida, o Alcalde de Córdoba, Andrés Ocaña, defendeu a tese de que falar do futuro do municipalismo depende do éxito que se obteña coas novas leis de Goberno Local e de financiamento, "a nosa credibilidade pasa por ter resultados nesta dirección", dixo.
Ocaña seguiu reflexionando sobre a necesidade de analizar se o estamos a facer "ben", partindo do feito de que historicamente a FEMP tivo unha excesiva dependencia política, "un debate de difícil resolución, pero que hai que telo en conta".
Aínda que o problema con maiúsculas é o do financiamento para o Alcalde cordobés, a FEMP debe conseguir tamén que os Gobernos Locais sexan respectados polo resto de institucións do Estado e autonómicas, así como lograr unha maior proxección e imaxe pública. "A FEMP ten que ser a proa reivindicativa dos Gobernos Locais", concluíu.
O Alcalde de Villanueva de la Cañada, Luis Partida, recordou que era necesario definir dunha vez por todas as competencias dos Gobernos Locais, co financiamento axeitado. Somos conscientes da realidade na que estamos, dixo, "non hai financiamento polo momento, pero haberá que establecer un plan e unhas etapas", para logralo. Tamén sinalou que era necesario "ser máis sensatos á hora de prestar servizos, co menos custo posible".
Respecto á FEMP, comentou que queda moito por facer e que hai que "crer o que somos", e pediu unidade, porque a FEMP "ten sentido, como o resto de federacións territoriais de municipios.
Ramón Ropero, como Alcalde de Villafranca de los Barros e voceiro do PSOE, recordou que a FEMP ten a obriga de representar e defender a todos os Gobernos Locais españois e de mellorar determinados servizos que presta os municipios.
Na súa intervención recordou que unha das misións da Federación é propiciar a colaboración e o consenso, e destacou que a claridade e a transparencia constitúen unhas dos seus principais sinais de identidade, como quedou demostrado co Código de Bo Goberno Local, que foi aprobado no seu seo por consenso.
Ropero apuntou noutro momento que un dos déficits principais do Estado é a non aplicación da Constitución no relativo á participación das Entidades Locais nos ingresos tributarios das Comunidades Autónomas. Sobre este punto, preguntouse que acontecería se o PP e o PSOE decidisen presentar un recurso de inconstitucionalidade por este incumprimento. "É difícil, porque gobernan na maior parte das Comunidades Autónomas, pero que acontecería... "
Do mesmo modo, recordou que aínda segue sen resolverse unha das reivindicacións máis importantes da FEMP, aínda vixente, a presenza dos Gobernos Locais no Consello de Política Fiscal e Financeira.
Sobre financiamento local, manifestou que se opoñería a que na nova lei siga aplicándose unha repartición tan inxusta como a da actual lei de facendas locais. Tamén se mostrou favorable a que a nova Lei de Goberno Local entre en vigor ao mesmo tempo que o novo sistema de financiamento.
Nun plano máis interno, avogou por mellorar o funcionamento das comisións e das redes que integran a FEMP e pediu que se acometa unha reflexión interna sobre o papel e o funcionamento do Consello Federal e o Consello Territorial.