FEDERACION ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS Y PROVINCIAS

O Goberno impulsará unha plataforma social para o fomento da rehabilitación de vivendas


O Ministerio de Vivenda impulsará unha plataforma social para o fomento da rehabilitación, a accesibilidade e a eficiencia enerxética de edificios e vivendas, na que participen as tres Administracións e o sector privado e que terá como principal actividade a creación dunha rede de oficinas técnicas de axuda aos cidadáns.


Estas oficinas darán asistencia na definición de obras a realizar e no seguimento e control dos traballos de rehabilitación dos edificios e vivendas, o que promoverá a formación dos axentes que participan nos procesos de rehabilitación, ao tempo que axudarán a difundir entre os cidadáns información sobre as axudas que teñen ao seu alcance.

A creación desta plataforma, acordada en Consello de Ministros, xorde por iniciativa do Ministerio de Vivenda, unha vez constatado o apoio e interese de numerosas organizacións profesionais, sindicais e cidadás, asociacións empresariais da construción e da fabricación de materiais, así como de distintas administracións locais e autonómicas.

Con esta plataforma preténdese, de xeito compartido entre todos os axentes e institucións involucrados, facilitar e fomentar as obras de rehabilitación do parque residencial existente; promover a innovación no sector; axilizar a tramitación das axudas e das licenzas de obra, impulsar a formación dos traballadores da construción nesta actividade; potenciar o aforro de enerxía e a mellora da accesibilidade dos edificios e, especialmente, manter e xerar emprego na rehabilitación dos edificios e vivendas.