A FEMP, coas vítimas do terrorismo, o domingo 27 de xuño
O Presidente da FEMP, Pedro Castro, realizou un chamamento a todos os Gobernos Locais españois para que se sumen á homenaxe ás vítimas do terrorismo este domingo, 27 de xuño, con actos simbólicos ou declaracións en cada un dos Concellos, Deputacións, Cabidos ou Consellos Insulares.
Desta forma, a FEMP súmase ao Día de Homenaxe ás Vítimas de Terrorismo, que se celebra este ano por primeira vez, por iniciativa das asociacións e colectivos de afectados e que foi referendado polo Congreso dos Deputados, o pasado 11 de marzo, co apoio de todos os grupos parlamentarios. A Cámara Baixa será o escenario este domingo dun acto solemne no que se renderá tributo a todas as vítimas.
Un 27 de xuño de hai 50 anos un atentando de ETA provocaba a morte de Begoña Urroz Ibarrola, unha nena de 22 meses, na estación de Amara, en San Sebastián. Este feito supuxo o primeiro asasinato da banda terrorista, nunha data que quedou gravada para a historia e que será recordada a partir de agora, todos os anos, como o día de homenaxe a todas e cada unha das vítimas causadas polo terrorismo no noso país.
Pedro Castro recordou, nas vésperas deste Día de Homenaxe, ás persoas que sufriron as consecuencias da barbarie terrorista e en especial aos representantes locais caídos durante nestes 50 anos. Tamén reafirmou o compromiso dos Gobernos Locais españois na loita contra o terrorismo e o apoio da institución que preside a todas as vítimas e os seus familiares.