FEDERACION ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS Y PROVINCIAS

As cidades non renuncian ao obxectivo de redución de emisións contaminantes, malia a crise


A Rede Española de Cidades polo Clima da FEMP aposta por aproveitar a actual situación económica para cambiar as políticas, os sistemas de produción e os hábitos cidadáns e, deste modo, axudar a crear unha economía máis sostible e menos dependente de recursos limitados e contaminantes. Con esa idea comezaron as Xornadas sobre "Cambio climático e saúde dende a perspectiva local" que se celebran en Santander, no marco da V Asemblea da Rede.



O Presidente da Rede, o Alcalde de Vigo, Abel Caballero, considera que a crise económica "non" é un argumento para baixar a garda na loita contra o cambio climático", senón máis ben unha oportunidade para avanzar cara a un novo modelo de desenvolvemento máis sostible. A sostibilidade ambiental, argumentou, sempre se baseou no aforro e a eficiencia, "valores que agora non só deben ser adoptados por razóns estritamente ambientais, senón que é necesario incorporar nos nosos procesos de toma de decisións tamén por cuestións económicas".

Abel Caballero engadiu que esa é a liña na que deben seguir os Gobernos Locais e por iso anunciou que dende a Rede que preside se realizará un esforzo importante para identificar as medidas prioritarias que é necesario aplicar nas cidades e municipios, en sectores que presentan importantes oportunidades de mellora da eficiencia no uso da enerxía e no aproveitamento ao máximo os recursos naturais.

O Alcalde vigués puxo como exemplo destas actuacións os plans de mobilidade sostible, para que as cidades estean máis adaptadas e preparadas para os cidadáns, cun uso máis racional do vehículo privado e un transporte público máis eficiente. Neste sentido, apostou claramente por facilitar e impulsar o uso do vehículo eléctrico e pola posta en marcha e difusión da "Axenda sen Coche", unha iniciativa coa que se pretende que os cargos públicos locais substitúan algúns días o vehículo oficial polo transporte público ou outros medios propios, que non sexan vehículos de automoción.


Do mesmo modo, afirmou que a Rede Española de Cidades polo Clima foi e debe seguir sendo un referente para o Goberno español de cara ás negociacións con outros países en materia de cambio climático e que por iso, tratarán de estar presentes no próximo cumio do clima que se celebrará en México. Abel Caballero recordou que España é o único país que acudiu cos Concellos ao cumio de Copenhaguen.

Xunto ao Alcalde de Vigo, interviñeron na inauguración das Xornadas o Vicepresidente primeiro da Rede e Alcalde anfitrión, Íñigo de la Serna, acompañados de José Masa, Alcalde de Rivas-Vaciamadrid e Vicepresidente 2º da Rede, e de Branca Rosa Gómez, Alcaldesa de Torrelavega e Presidenta da Federación de Municipios de Cantabria.


O Alcalde de Santander referiuse na súa intervención á importancia de actuar fronte a un cambio climático que cada día é máis evidente; e para iso formulou dúas propostas: en primeiro lugar, referiuse á necesidade de dotarse de ferramentas, metodoloxías e sobre todo, bases de datos e estudos científicos que permitan emitir un diagnóstico acertado e planificar as actuacións máis axeitadas ante este problema global que ten o seu reflexo máis claro no local.

Íñigo de la Serna reclamou liderado político para levar adiante as intervencións precisas e, neste sentido, subliñou o papel da Rede como modelo de entidade que xunta os esforzos dos Gobernos Locais. Nas mesas de traballo sobre cambio climático, as Administracións presentes son a Central e a Autonómica, e é fundamental que os Concellos tamén participen, teñan maior capacidade de decisión e tomen parte da posta en marcha das medidas a emprender.


Proxectos técnicos

A Rede Española de Cidades polo Clima aprobou na súa Asemblea, o plan de traballo futuro que, entre outras actividades, contempla a realización de varios proxectos técnicos, entre eles un informe sobre "Implantación de plans de Mobilidade Urbana Sostible", para coñecer o nivel de desenvolvemento destas iniciativas nos municipios da Rede, a colaboración co mundo empresarial para a elaboración de plans de mobilidade en empresas ou o papel que deben xogar os Gobernos Locais no impulso do vehículo eléctrico.

Tamén levará a cabo un informe sobre "Os sumidoiros de carbono a nivel local", co fin de formular propostas de actuación para aumentar e optimizar a captación de carbono nos municipios; un estudo do potencial de redución de emisións nos vertedoiros municipais; e outro proxecto dirixido a optimizar a eficiencia enerxética nas dependencias municipais e priorizar actuacións de fomento de aforro nestes edificios e instalacións.

A actividade da Rede no que queda de ano centrarase, ademais, en actuacións de sensibilización e divulgación e nunha apertada axenda de participación dos seus representantes nos foros nacionais sobre sostibilidade local máis importantes, así como no desenvolvemento de actuacións conxuntas co Ministerio de Medio sobre sostibilidade urbana, contempladas no convenio marco de colaboración asinado con este departamento ministerial.


Xornadas sobre cambio climático e saúde

As Xornadas "Cambio Climático e Saúde dende a Perspectiva Local", que teñen lugar no marco da Asemblea da Rede, organizadas pola FEMP, o Concello de Santander e o Ministerio de Medio, teñen como principal obxectivo avaliar os efectos do cambio climático sobre a saúde humana e analizar o papel que os municipios poden desempeñar para reducir o impacto destes sobre a cidadanía.

Un dos principais debates xira en torno á necesidade de evitar que os efectos da crise económica produzan unha perda de calidade de vida nos municipios e que a cidadanía sufra as consecuencias en aspectos clave do seu benestar, como a saúde. Segundo apuntou Abel Caballero na presentación destas Xornadas, os efectos do cambio climático nos municipios non se reducen nos períodos de contracción da economía, senón que, ao contrario, son máis evidentes, especialmente para os sectores da poboación máis vulnerables, como a infancia, a terceira idade ou as persoas dependentes.