FEDERACION ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS Y PROVINCIAS

Aprobado indefinidamente o Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas


A Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas ratificou hoxe, 23 de marzo, o acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas, un texto cuxos contidos veñen a establecer o futuro marco para a formación de empregados públicos do Estado, autonómicos e locais; o Acordo, rubricado onte polos membros da Comisión Xeral de Formación Continua, vén a prorrogar de xeito indefinido os contidos do IV AFCAP.


Os contidos do IV Acordo para a Formación Continua das Administracións Públicas (AFCAP), subscrito inicialmente para o período 2006-2009, serán os que regulen a Formación Continua ao longo do presente ano 2010. A partir de 2011, e a partir deste momento, coa nova denominación "Acordo de Formación para o Emprego nas Administracións Públicas", virá a articular os futuros programas de formación para os empregados públicos. Os máis relevante deste Acordo para a Administración Local radica no seu carácter indefinido e no que representa como continuidade do acordo entre Administracións con idéntico nivel de representatividade e decisión.

O texto incorpora os esforzos realizados e os resultados obtidos cos anteriores acordos e engade aspectos que o enriquecen e lle dan un novo enfoque, como, por exemplo, o importante papel que asumen os plans interadministrativos ou a incorporación de importantes mecanismos de intercambio de información, de coordinación e promoción de plans e accións formativas conxuntas.

O Acordo inclúe 23 artigos nos que quedan detallados os contidos deste novo marco, dende o concepto de Formación para o Emprego ata as modalidades de plans de formación, promotores, negociación ou contidos, ou a estrutura orgánica que rexerá o marco da Formación.