A FEMP e o Goberno estudan medidas de aforro enerxético nos municipios
O Ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, e o Presidente da FEMP, Pedro Castro, reuníronse esta tarde na sede do Ministerio para tratar as medidas de aforro e eficiencia enerxética que poden ser impulsadas dende os municipios. Entre as medidas estudadas encóntrase o cambio da luminaria pública de rúas, estradas e instalacións co fin de conseguir un aforro enerxético do 42 por cento, e reducirana á metade o uso dos vehículos dos seus parques móbiles.
Despois do encontro, que durou dúas horas e media, Castro explicou as dúas "medidas impacto" que se levarán a cabo no curto prazo, informa a axencia Efe.
A primeira delas será instalar luminaria de baixo consumo en estradas, rúas, instalacións públicas como polideportivos ou outras co fin de lograr reducir o consumo enerxético nun 42 por cento.
Será o Ministerio de Industria, quen a través do IDAE e segundo as súas disponibilidades presupostarias quen achegue a luminaria, mentres que os equipos de mantemento dos concellos se encargarán da súa instalación.
O presidente da FEMP non cuantificou o custo deste cambio, pero recordou que grazas ao Plan E moitos concellos xa substituíron a luz pública con lámpadas de baixo consumo.
A segunda "medida impacto", que como a primeira poderá poñerse en marcha en breve, ten como obxectivo reducir á metade o uso dos vehículos dos parques móbiles das tres administracións -central, autonómica e local-.
Durante o encontro debatéronse as diferentes alternativas para reducir o uso do coche privado e fomentar o do transporte público, aínda que Pedro Castro descartou as que" signifiquen "prohibir".
Máis ben, a FEMP aposta pola concienciación dos cidadáns e a coordinación dos distintos transportes para disuadir os condutores de que entren nas grandes cidades cos seus vehículos privados.
Tampouco é partidaria a FEMP, ten subliñado Castro, de impoñer taxas ao uso do coche, senón de reducir as tarifas do transporte público a medida que aumente a súa utilización.
Instalar sensores nos edificios públicos para que só se acenda a luz nas oficinas onde se traballa e estea apagada no resto, e reducir a calefacción e o aire acondicionado son outras das propostas da FEMP para aforrar.