Ampliado o prazo ata o 25 de xaneiro para o rexistro de inmigrantes con dereito a voto
O BOE publica hoxe, 14 de xaneiro, a Orde do Ministerio de Economía e Facenda pola que se amplía en 10 días o prazo para que os inmigrantes se inscriban no censo electoral e poidan exercer o seu dereito a voto nas próximas eleccións municipais. Desta forma, o prazo que vencía o sábado 15 xaneiro queda ampliado ata o día 25 deste mes.
De acordo con esta Orde, os Concellos enviarán as solicitudes á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente á súa provincia conforme as tramiten, antes do día 31 de xaneiro de 2011.
Un total de 1.468.663 estranxeiros terán dereito a votar o próximo mes de maio, segundo os datos do INE. Deles, máis dun millón cen mil son cidadáns da UE e outros 350.287 proceden de Ecuador, Perú, Bolivia, Colombia, Paraguai, Chile, Nova Zelandia e Noruega, países que subscribiron convenios de reciprocidade con España para poder exercer este dereito.
Tamén Cabo Verde
A todos eles, súmanse os cidadáns de Cabo Verde, tras a publicación no BOE, con data 13 de xaneiro, do acordo de reciprocidade que posibilita o voto de españois e caboverdianos nos seus respectivos países de residencia.
Documentos relacionados_gl
(0.0Kb)
(0.0Kb)