FEDERACION ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS Y PROVINCIAS

Os pequenos municipios piden ás Comunidades Autónomas partidas presupostarias para o desenvolvemento rural sostible


Os pequenos municipios españois esixen ás Comunidades Autónomas que recollan nos seus presupostos para 2011 partidas presupostarias equivalentes ao investimento asignado polo Estado nos seus territorios, para a execución do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible. Esta é unha das principais conclusións coas que se pechou o I Congreso de Pequenos Municipios, celebrado este fin de semana en Toledo.





Os representantes dos municipios de menor tamaño mostraron a súa "aposta decidida" pola correcta aplicación da Lei para o Desenvolvemento Sostible do Medio Rural, como instrumento principal para elevar a eficiencia das accións públicas que se levan a cabo nos seus territorios.

No que respecta ao papel das Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares, o Congreso de Toledo puxo de manifesto que a provincia, como nivel intermedio entre a Administración do Estado e as Comunidades Autónomas, é considerada como "a verdadeira garante do principio de subsidiariedade" e que, polo tanto, se trata dunha institución local, "non un instrumento da Comunidade Autónoma".

Outra das preocupacións dos Alcaldes e Alcaldesas de municipios pequenos é a de garantir políticas sociais e de emprego nos seus territorios, por iso apostan polas Mancomunidades, argumentando que a diversidade e singularidade de cada territorio debe facilitar a constitución desta figura asociativa, co fin de posibilitar maiores e mellores prestacións de servizos aos cidadáns, coa maior calidade e rendibilidade posible.

En materia de igualdade, as conclusións de Toledo recollen o obxectivo de suprimir as barreiras socioculturais que impiden a participación equilibrada de homes e mulleres na vida política, económica e social dos pequenos municipios.


Mesa de partidos políticos

A superación das diferenzas entre partidos para responder aos obxectivos que demanda a sociedade, a superación da brecha histórica entre os pobos e as cidades, a independencia dos responsables políticos municipais para defender os intereses dos cidadáns ou o déficit de servizos sociais que se produce nas zonas rurais, foron algúns dos temas que trouxeron a conto os representantes dos partidos políticos na mesa de debate do Congreso celebrada antes da súa clausura.

Na mesa interviñeron a Alcaldesa de Villanueva de Tapia, Encarnación Pérez, en representación de IU; Joaquín Peribañez, Alcalde de Calamocha e voceiro do PAR na Executiva da FEMP; Luis Partida, Alcalde de Villanueva de la Cañada e voceiro adxunto do PP na FEMP; e Hugo Morán, membro da Executiva do PSOE, responsable en materia de medio e desenvolvemento rural.

Joaquín Peribáñez pediu que as Administracións apoien o desenvolvemento de infraestruturas no medio rural e, ao mesmo tempo, que os partidos sexan conscientes de que a súa obriga é xestionar os problemas da sociedade e que para iso, en ocasións, están obrigados a actuar de forma coordinada, por enriba de diferenzas ideolóxicas.

A representante de IU, Encarnación Pérez, afirmou que nestes momentos non se respecta a autonomía dos Gobernos Locais porque non dispoñen dun financiamento suficiente. Tamén puxo de manifesto o déficit de servizos sociais que se dá nos municipios máis pequenos e os problemas de incorporación da muller ao mundo laboral e aos cargos públicos, que fan "inviables" na maioría dos casos as políticas de igualdade no ámbito rural.

Luis Partida aludiu á excesiva "dependencia" municipal dos partidos políticos, o que leva ás veces a que se nos utilice como grupo de presión", e pediu ao Goberno que "desempoe" a nova Lei de Goberno Local e aos Concellos que a apoien, pero acompañada dun novo financiamento, "para que ao día seguinte os Concellos saiban con que recursos contan". "Hai que saber que temos que facer, como e con que recursos", afirmou, engadindo que os municipios necesitan máis competencias, "non para ter máis poder, senón para ser máis competentes".


O representante do PSOE recoñeceu" que o mundo local leva anos reivindicando e seguimos igual, e fixo un chamamento aos Alcaldes e Alcaldesas dos municipios rurais para que provoquen o que denominou como unha "rebelión cívica". Hugo Morán, referíndose á aplicación do Programa de Desenvolvemento Sostible, animou os edís a que sexan eles os que tomen a iniciativa, de acordo cos seus cidadáns, e digan o que ten que facerse en cada un dos territorios -plans de zona- que determina a Lei. "Non podedes esperar a que vos chame a Comunidade Autónoma", afirmou. Morán engadiu que o obxectivo é a superación da brecha histórica entre cidades e municipios e que a Lei de Desenvolvemento Sostible é o instrumento para conseguilo, pero para iso " hai que utilizalo.

14/09/2010

> Ir a la videoteca_x