FEDERACION ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS Y PROVINCIAS

Presentado o borrador do Regulamento de Estranxeiría


A Secretaria de Estado de Inmigración e Emigración, Anna Terrón, presentou hoxe o proxecto do novo Regulamento de Estranxeiría. A reforma fortalece os mecanismos de colaboración cos Concellos e as Comunidades Autónomas e consolida un modelo baseado na cultura da regularidade, vinculado ao mercado de traballo.


O documento, cuxo contido foi adiantado ao Presidente da FEMP, Pedro Castro, pola propia Anna Terrón, é froito da negociación do Executivo cos sindicatos e a patronal, e será estudado e analizado polos representantes dos Gobernos Locais, que realizarán, nun prazo de quince días, as achegas e as alegacións que consideren necesarias, antes de que sexa remitido ao Consello de Estado e aprobado polo Consello de Ministros
O futuro Regulamento desenvolve a nova Lei de Estranxeiría de 2009 e permite dar resposta -segundo explicou a Secretaria de Estado- aos novos retos formulados polo cambio de ciclo migratorio. A vinculación entre inmigración e mercado de traballo explica que, nestes dous últimos anos, houbese un importante descenso dos fluxos de entrada de inmigrantes. Por iso, o Regulamento perfecciona os mecanismos de xestión previstos e pon a maior énfase na integración e o fortalecemento da cohesión social.
O texto do novo Regulamento inicia hoxe o trámite de audiencia pública. Antes da súa aprobación, será obxecto de traballo na Mesa de Diálogo Social, e será analizado polo Foro para a Integración Social dos Inmigrantes, a Conferencia Sectorial de Inmigración e a Comisión Laboral Tripartita de Inmigración entre outros. Posteriormente, seguirá os trámites preceptivos de consulta e informe ata a súa aprobación definitiva polo Consello de Ministros.

Terrón recordou que a política de inmigración do Goberno, "unha política integral e global", ten como piares básicos a regulación dos fluxos migratorios, vinculándoos á realidade do mercado laboral; o reforzo da loita contra a inmigración irregular; e o fortalecemento das políticas de integración.


En canto aos principios que guían a reforma do regulamento, explicou que se trata de consolidar un modelo baseado na regularidade e a vinculación ao mercado de traballo; a integración e a igualdade de dereitos e deberes; e o fortalecemento da colaboración coas Administracións Locais e Autonómicas, proporcionando maior rigor, transparencia e obxectividade nos procedementos co obxectivo de fortalecer a cohesión social.

Documentos relacionados_gl

Documentos relacionados_gl

Nota

(0.0Kb)